Thursday 09 de May de 2024

Educación sinala que puxo a disposición do alumno do CEIP Portofaro de Cambre todos os recuros precisos para a súa correcta atención sanitaria


 

Os pais deste escolar rexeitaron todas as solucións propostas desde o departamento autonómico

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recordou que ten posto a disposición do alumnos do colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Portofaro, de Cambre, que padece diabete todos os recursos precisos para a súa correcta atención sanitaria, seguindo o protocolo establecido para toda Galicia nos casos deste tipo. Por iso, a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, lamenta as manifestacións realizadas polo grupo municipal do BNG neste concello, ao vincular esta problemática cos recortes no ensino, e rexeita calquera intención de terxiversar a información para politizar a educación ou xerar alarma social.

A administración ofreceulle aos pais do estudante a súa inclusión no programa Alerta Escolar, coordinado pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que achega a atención inmediata e eficaz a todos os escolares de entre 3 e 16 anos que padecen algunha patoloxía crónica. Ademais, de xeito excepcional, tamén se lle brindou a posibilidade de matricular ao menor noutro centro educativo do municipio, que conta no seu plantel cunha profesional sanitaria que se encargaría da súa atención.

Desde o departamento educativo, así como desde a Consellería de Sanidade, veuse facendo un seguimento deste caso, con reunión periódicas cos proxenitores, que, de todas as veces, rexeitaron as solucións propostas desde a Administración. Neste senso, a delegada territorial recorda a obrigatoriedade de escolarización do rapaz, de seis anos.